Wednesday 15 de May de 2024

Ponse a venda as entradas da novena Xuntanza do Maior coa expectativa de encher o aforo do pavillón da Fieiteira


A novena edición da Xuntanza do Maior de Riveira xa ten data de celebración. Será o domingo 23 de novembro e xa é posible adquirir as pertinentes entradas na tesourería do Consistorio Local.

A concelleira de Servizos Sociais e Promoción Social de Riveira, Maricarmen Vizcaya, presentou o evento en compaña da xefa de servizo de Servizos Sociais, Francisca Vidal. A edil municipal cualificou de “continuísta” esta nova edición con respecto ás últimas convocatorias. De feito, o prezo será igual que o do ano pasado -16 euros- e o xantar seguirá desenvolvéndose no pavillón polideportivo da Fieiteira.

Autobuses
Así, a programación da xuntanza comezará ás 12.30 horas na Igrexa de Santa Uxía cunha misa solemne que, un ano máis, estará cantada pola Coral Polifónica Municipal de Riveira. Entre as 13.30 e as 13.45 horas sairán autobuses dende o Malecón rumbo á Fieiteira para todos aqueles que non queiran desprazarse polos seus propios medios de transporte.

Ás 14.40 horas dará comezo o xantar que, dende as 17 horas, estará amenizado por unha verbena e que se prolongará ata as 19.30 horas aproximadamente: momento en que regresarán os autobuses de volta cara á cidade.

Maricarmen Vizcaya quixo animar a todos os xubilados de Riveira a que se sumen como todos os anos a este evento, que espera encher un ano máis o aforo do polideportivo, con mil comensais. Así mesmo, recordou que nos último días abrirase a posibilidade de participar na xuntanza aos maiores doutros municipios, sempre e cando siga habendo prazas dispoñibles.